|
|
Vindeiras Convocatorias
Se sabes dalgunha convocatoria interesante para o profesorado
de tecnoloxía
de Galicia, escríbenos un correo a web@apetega.org para
publicala nesta sección. Indica un título, un subtítulo (datas de interese,
...), unha breve descrición que inclúa o lugar e datas do evento e unha
ligazón onde ampliar a información.
Premios José Cantero. I Edición Galega.
até o 11 de maio de 2007
Xa está en marcha a primeira edición dos Premios José Cantero en Galicia.
Os premios José Cantero, convocados pola Fundación Epson | Instituto de Tecnoética, están destinados a premiar aos mellores traballos de Bacharelato, 2º ciclo da ESO e ciclos formativos no ámbito das tecnoloxías e os seus impactos sociais. Estes galardóns gozan dunha longa traxectoria en Catalunya, onde alcanzan xa a súa VII edición, e por primeira vez este ano fanse extensivos a Galicia, coa colaboración da Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia, APETEGA.
Os traballos deberán ser inéditos e non premiados noutros concursos. Poden ser de carácter práctico, experimental ou de investigación, pódense inscribir en calquera ámbito da tecnoloxía ou ben consistir nunha reflexión sobre o seu impacto social.
Concederanse 5 premios que serán, cada un deles, un lote de material informático valorado en 1.230 Euros, distribuídos da seguinte maneira: 550 Euros para o autor/a ou autores/as; 250 Euros para o titor/a ou titores/as e 430 Euros para o centro.
O prazo de entrega da documentación é até o 11 de maio de 2007. A notificación do xurado será o 15 de xuño de 2007
Podes atopar as bases dos premios na nosa web, ou na web da Fundación Epson | Instituto de Tecnoética.
¡Animádevos a participar!
|
V Premios Galicia Innovación Júnior
-imaxina-inventa-innova-
Xa está en marcha a edición 2007 do Concurso Galicia Innovación Júnior, organizado pola Consellería de Industria e Innovación da Xunta de Galicia.
Poderán participar todos os rapaces e rapazas galegos ou residentes en Galicia de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos de idade, en dúas categorías: de 12 a 15 anos e de 16 a 18 ambos incluídos.
Os premios serán, segundo a categoría, ordenador portátil, cámara de fotos dixital, reprodutor de música dixital con disco duro ou memoria flash, ou ben, diferente material informático se o traballo se presenta en grupo.
O concurso consta de dúas fases, unha primeira onde se presenta a idea, e unha segunda onde se desenvolve a idea se esta foi seleccionada. O prazo de presentación remata para esta primeira fase o 6 de marzo de 2007 e para a segunda o 20 de maio de 2007
Máis información na web Concurso Galicia Innovación 2007.
|
Aviso sobre o concurso para a creación do cartaz oficial das VII Xornadas de Tecnoloxía
Amplíase o prazo de presentación ata o día 26 de xaneiro
Logo da petición feita por varios compañeiros, amplíase o prazo para a presentación de orixinais ao concurso de cartaces a partir do cal se escollerá o oficial que anuncie as próximas VII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia. O novo prazo é ata as 14:00 horas do día 26 de xaneiro. As bases pódense consultar aquí.
|
Ludus Party
Lugo 1, 2, e 3 de decembro de 2006
O Concello de Lugo, a través da Concellería de Servizos Xerais, organiza para os vindeiros días 1, 2, e 3 de decembro de 2006, unha actividade extraordinaria orientada á promoción das Novas Tecnoloxías e da Sociedade da Información.
O programa inclúe unha exibición de robótica: Varias unidades autónomas servirán para que todo aquel que o desexe poida comprobar como unha chea de cables e mecanismos poden cobrar vida e comportarse según parámetros que imitan a vida. Despois do mostrado na exhibición de robótica, todo aquel que participe no obradoiro de robótica poderá aprender a crear un pequeno robot capaz de seguir liñas debuxadas no papel, ou realizar sinxelas accións como coller obxectos.
Máis Información en: http://www.netzonetour.com/partys/prensa.php?id=11
|
Asemblea e Concentración
Defendamos a área de Tecnoloxía
Dada a gravidade da situación actual da ensinanza da Tecnoloxía tra-la difusión do Borrador do Real Decreto de Ensinanzas Mínimas, convocamos a tódolos socios e socias de APETEGA e a todo o profesorado de Tecnoloxía de Galicia en xeral a participar nas seguintes accións:
-
Asemblea extraordinaria de apetega.
Terá lugar o vindeiro venres 24 de novembro ás 20:00 horas na biblioteca do IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela. Como único punto da orde do día informarase e debatirase sobre a grave situación na que se atopa a nosa área e medidas que como colectivo debemos tomar.
-
Concentración de protesta.

Como xeito de facernos escoitar, farase unha concentración de protesta diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano (Santiago de Compostela) ás 12:00 horas do martes 28 de novembro. Dado que este acto será o de maior relevancia pública, resulta imprescindible que nos xuntemos o maior número posible de persoas, polo que se pide a máxima difusión da convocatoria desta concentración entre os compañeiros e compañeiras.
Envía esta información a tódolos compañeiros de Tecnoloxía que coñezas, difunde a grave situación na que se pode quedar a nosa área... Defendamos a nosa área e o noso traballo.
|
Concurso para a creación do cartaz oficial das VII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia
Dirixido ao alumnado de Tecnoloxía
APETEGA convoca un concurso para o deseño do cartaz anunciador das VII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia.
Podes descargar aquí as bases do concurso
|  [1] [2] [3] [4] [5] [6] [7] [8] [9] [10] [Páxina11] [12] [13] [14] 
|